23 ago 2014

Derradeira entrega dos "Clásicos Populares": FOLKÓLIKOS

Benvidxs á derradeira entrega da nosa sección retranqueiramente bautizada como "Clásicos Populares". Tras dez meses de pequenas reportaxes dicimos adeus(pero quen sabe, o mesmo voltamos pronto). Nesta sección pretendemos dar pulo e recoñecemento á escea musical antiautoritaria do terruño galego, difundindo aquelas cancións que para nos dalgunha maneira forman parte da "Banda Sonora" da guerra social "made in Galiza".


Non podían faltar os Folkólicos. Este indefinible grupo de mestizaxe leva máis de quince anos acompañando os actos e eventos anarquistas e dos demais movementos sociais sen ver xamais un duro por iso... como ten que ser!

Sen letras especialmente comprometidas, nin grandilocuencias ideolóxicas, puxeron ritmo a case dúas décadas de loitas antisistema, axudando a recadar cartos para toda canta causa se lles puxo a tiro por estas terras galegas. Formados a finais dos noventa na cidade da Coruña, o seu nacemento é unha mostra do espírito que sempre acompañou ao grupo: Un feixe de moz@s reuníanse sempre nas rochas tras o colexio de "Las Esclavas", ao final do paseo marítimo. Alí fumaban os seus porros e bebían os seus calimochos, rulando entre eles os instrumentos que oubese (guitarras, frautas, djembes...) para tocar indistintamente temas de Gwendal, Fuxan os Ventos, Sepultura ou Eskorbuto. Iso si, co único interese de pasalo ben cos colegas tocando e respirando vento mareiro ás beiras do atlántico. Un día un fulano que pasaba por alí parouse a escoitar o que tocaba aquel simpático grupo de punkis claveteados e hippies melenudos, para logo achegárselles e espetarlles: "gústame o que facedes, Queredes tocar no meu bar? ". Nese momento naceu Folkólicos. Logo aínda tiveron que repartir os instrumentos, decidindo quen ía tocar o que, e seleccionando un repertorio. Moit@s daqueles moz@s formarían pouco máis tarde o Colectivo Libertario Oveja Negra e, como é natural, o grupo musical recén nacido acompañaría tódolos actos daquela formación anarquista. A presencia no grupo de varios compoñentes arxentinos propiciou unha curiosa fusión de folk máis ou menos tradicional con rock de acento sudamericano, ou tamén rumba aos que, pouco a pouco e a medida que flutuaban os seus membros, se lle incorporaron un senfín de matices e tendencias. Malia a longa duración da formación e aos seus innumerables concertos, nunca pisaron un estudio de grabación, outra mostra do espírito vitalista da banda, que sempre primou tocar e pasalo ben por enriba da súa proxección como grupo. É por iso que as escasas grabacións que existen de Folkólicos son un par de directos. Nesta entrega dos "Clásicos Populares" deixámosvos con "La pradera", extraída dun directo na Foliada de Xuriz.

Unha reportaxe de C.Ribas e Emiliano Tocata para Abordaxe-blog

No hay comentarios:

Publicar un comentario