18 jun 2014

Preparando o cambio para que todo siga igual

Abordaxe(C.R.) Dous sucesos recentes do espectáculo político fanme pensar que se prepara un cambio para que todo siga igual. Cada certo tempo as oligarquías dentro dun mesmo sistema político necesitan realizar pomposas e grandilocuentes mutacións para garantir que a esencia do mesmo permaneza intacta. Cando a paciencia do común do cidadán empeza a encherse cos desmandos do poder, cando a percepción xeral comeza a decatarse da inxustiza do sistema, xa sexa porque este fai augas ou, simplemente, polo fastío que produce a idéntica repetición ritual do falso bipartidismo democrático, chega o momento de cambiar os actores da comedia para poder seguir representando a mesma obra. Así pasou, por exemplo, na transición española.

Pois agora, ao meu entender, parecen vislumbrarse as pezas dunha nova xogada de lifting político que poida devolver a esta democracia envellecida o seu aspecto xuvenil; sen que os resortes reais do verdadeiro poder (tanto político coma financeiro) se vexan alterados no máis mínimo. E as dúas novas pezas no taboleiro político son Pablo Iglesias e o seu partido buenrrollero quincemeiro e a república burguesa como novo escenario de xogo.

Hai tempo que o poder ten medo de rematar coa paciencia do pobo, de aí os seus inxentes gastos en material antidisturbio e a preparación de novas leis ultrarrepresivas con que castigar a protesta social. As últimas folgas xerais, Gamonal, o 22M ou máis recentemente os disturbios polo desaloxo de Can Vies non son se non tímidos preludios do que puidera suceder. Os drásticos recortes, a situación progresiva de empobrecemento xeral, a corrupción galopante de todo o espectro político deixan poucas alternativas á paz social. Eles sábeno, e non lles queda outra que ir preparando o "plan B", por se acaso.

Aquí é onde entra en xogo "Podemos" e o seu amigable populismo progre-chachi-guay. Ou, por estas terras galegas, AGE e o seu esclarecedor alcume de "a Syriza galega". Partidos que non teñen ningún problema en contratar os membros máis activos dos movementos sociais para que escriban os seus discursos; ou para que elaboren os seus programas electorais a base de retales mal remendados das últimas tenedencias en cuestión de protesta de telediario.

O bipartidismo actual está en crise, ambos os dous partidos apoian os recortes da toika, os designios da Unión Europea, a monarquía e as receitas neoliberais do FMI. Ambos os dous partidos foron complices da crise actual e da escavación mancomunada do burato no que nos atopamos. Socialistas e Populares son obxecto do descrédito xeneralizado polos inumerables casos de corrupción nos que están pringados. As diferenzas entre eles non son outra cousa que sutilezas cosméticas da política social que eles tratan de explotar ao máximo para que non nos decatemos do engano. Pero a insotenible situación actual fixo que caian as caretas. Xa case non enganan a ninguén e o imaxinario popular rebautizounos a ambos os dous como PPSOE.

E cual é a solución para manter o Status Quo? Pois unha solución á grega: Se a tensión social se radicaliza ben puidera pasar que unha coalición "táctica" destes dous partidos faga realidade o que a rúa hai tempo que ten claro. Unha coalición PP-PSOE que faga de contrapeso doutro novo poder en halza: a unión dos novos partidos indignados (Podemos, AGE…) coa vella esquerda en bancarrota moral (os izquierdaunidosos e as máis que previsibles escisións do PSOE).

Así nos atoparíamos, de continuar o aumento do descontento social cara aos dous partidos que ata agora se alternaban o poder, un novo escenario político de refundación bipartidista: Dunha parte a coalición PP-PSOE, ocupando o lado dereito da ecuación e en apoio da política de recortes auspiciada por europa, e da outra unha nova alianza da esquerda tradicional cos partidos nacidos á calor do 15 M, exercendo de facto de socialdemocracia pero achegando caras novas non contaminadas polo politiqueo tradicional e discursos chachi-pilonguis ao gusto do activismo postmoderno ("nin de dereitas nin de esquerdas, somos os de abaixo contra os de arriba" e sandeces polo estilo)

Deste xeito, renovando o panorama político co sangue novo do postindignamiento quincemeiro, que sen poñer en tela de xuizo o marco socioeconómico é capaz de espertar as ilusións do cambio, pódese inxectar sangue novo no decrépito cascarón democrático para inchuflarlle nova vida. Pablo Iglesias podería ser unha especie de novo Felipe Gonzalez que espertase dunha parte a esperanza do pobo e da outra, a real, a tranquilidade das oligarquías e dos mercados financeiros. Afastar a revolución atraendo a reforma, por dicilo con poucas palabras.

E que pasa coa república? Practicamente desaparecida do imaxinario colectivo todos estes anos e resucitada con pompa e boato durante o último ano. Pois será o caramelo co que tranquilizar ás masas en caso de explosión social. O ás na manga co que o poder poida gañar a partida do descontento en caso de que a cousa enfile por derroteros insurreccionais. Evidentemente non a van regalar así sen máis, pola nosa cara bonita, gárdana como ouro en pano para apagar as barricadas dunha posible inflamación do escenario social, para que vexamos satisfeitas as nosas aspiracións revolucionarias cando, en realidade, iso a eles, aos que de verdade mandan, non lles importa nada. Á fin e ao cabo en Francia ou Portugal levan moitos anos vivindo baixo unha república sen que por iso o capitalismo flúa sequera un pouquiño máis humano.

Así, con cambios que en pouco ou nada afectan no real e inmediato ás nosas vidas, é como se pode tranquilizar o descontento popular sen cambiar as estruturas. Novos actores e un decorado diferente, pero representando a mesma comedia e no mesmo teatro. O peor de todo é que, tal e como están as cousas, ata lles pode funcionar. Pois nunca estivo tan lonxe a revolución. Os manifestantes do maio do 68, antes de converterse en banqueiros, políticos e directivos de MicroSoft, polo menos tiñan claro que para ser realistas había que pedir o imposible. Agora ata os que van de revolucionarios pensan que para ser idealista hai que pedir reformas.

Todo isto non son máis que elucubracións miñas, hipóteses máis ou menos gratuítas dun anarquista resentido. Aínda que á calor do que está a suceder en Grecia nestes momentos non semellan tan desatinadas. Quizais non pase nada disto. Podería ser mesmo que o nivel de subnormalización social e de apollardamento colectivo faga totalmente innecesario este tipo de manobras, porque as masas continuen votando mansamente aos partidos tradicionais sen importarlles o máis mínimo que sexan os responsables de lanzarnos de cu, costa abaixo e sen freos cara ao abismo. Pero de continuar o descontento moito me temo que algo parecido ao aquí exposto será o que nos depare o futuro.

C. Ribas

1 comentario:

  1. Eu estou, ao fio do artículo do compa, com o que di Floriano (vicesecretário de Organizaçom do PP): acusando aos líderes de Podemos de "intentar utilizar el dolor y el sufrimiento de la gente" para conseguir "un puñado de votos" utilizando "falsas promesas" que no se pueden aplicar.

    "No me creo que, con la formación que tienen algunos de sus líderes, no sepan que lo que están prometiendo es falso".

    O Floriano sabe o que se coce na alta política, e sabe bem que nada muda com as reformas que se porpôem nestas democrácias capitalistas, pelo que tratar de vender a moto e prometer mudar esta democracia dende dentro é cair na demagógia e no engano aos eleitores.

    Buff! a que nivel estou a chegar que já concordo com o PP na análise sobre Podemos!!

    ResponderEliminar