21 abr 2014

[Sanxenxo] Manifesto SOS Panadeira

Sanxenxo está a ferver. A veciñanza deste vila costeira levan meses protestando contra a construción de novos amarres para embarcacións de ricos nas praias urbanas de "A Panadeira" e "Os Barcos". Todo empezara no verán pasado cando a empresa xestora destes traballos, "El Real Club Náutico de Sanxenxo", fixo uso da súa licenza (aprobada por Portos de Galicia) para comezar cos traballos de instalación dos peiraos e dos pivotes que os sosterían na praia da Panadeira ante o pasmo de veciñanza. A reacción foi inmediata: a Plataforma veciñal SOS Panadeira encargouse de boicotear as obras durante todo o verán conseguindo que os traballadores se visen obrigados a paralizar as tarefas. Polo menos, de xeito temporal. Así mesmo, a presión cidadá conseguiu reducir notablemente as ambicións do Club Náutico, que reduciu practicamente á metade o número de amarres previstos no proxecto inicial (120) e se conformou cun só peirao, en lugar de dous.

A veciñanza constituida na Plataforma "SOS Panadeira" ven desenvolvendo dende entón unha enconada luita pola defensa do seu territorio. Porque non nos enganemos, trátase diso: alí non van amarrar as chalanas dxs veciñxs, senón embarcacións dos socios do Real Club Náutico de Sanxenxo, un exclusivo club de snobs pretende que facer caixa e contentar aos seus afiliados co patrimonio natural de todxs. Un "Real Club Náutico" que está a demostrar non ter ningún reparo en saltarse a lei de xeito clandestino e perigoso, amparado nas complicidades políticas e o compadreo.

Ademais denuncian o impacto ambiental das obras, que poden producir contaminación por mercurio e turbidez nas augas, por non falar dos combustibles e demais residuos que deixarían os barcos dos ricos que vaian estacionar á praia dxs pobres, ese pequeno areal que é un emblema do pouco que queda virxe en Sanxenxo, unha praia onde acuden decenas de veciñxs a pasar os días de praia coas súas crianzas, lonxe das aglomeracións de Silgar. E que garantía a seguridade dxs máis pequechxs grazas ás súas calmadas augas e que corre o risco de deixar de se-lo, cando pasen as grandes lanchas e os iates a poucos metros dos seus nocellos.

Tras a pequena vitoria do verán pasado, os traballos retomáronse a primeiros deste ano, e dende entón a veciñanza está en pé de guerra para paralizar esta aberración, poñéndose fronte a camións, organizando vixilancias constantes nas praias e protestas. E ahí seguen porque o que é incuestionable é que cando o pobo saca as uñas, aos poderosos se lles atragoa a súa arrogancia.

Co gallo de tan encomiable obxectivo veñen de publicar en 15 de abril, no seu blogue SOSPanadeira, este seu MANIFESTO, que reproducimos:

SOS PANADEIRA nace e crece con e dende a vila de Sanxenxo, que somos todxs: xs empadroadxs, xs nacidxs e xs que se senten parte del. Non tanto, o abandono manifesto da nosa vila é un erro histórico e permanente que non estamos dispostos a silenciar. Como noutros moitos puntos da nosa sociedade, a depredación e a usura a calquera prezo dun mínimo sector amparado polas clases dirixentes, sempre a mercé do mercado, toparon co fastío dun pobo. Xa está ben de pisar o noso tesouro máis prezado, que en Sanxenxo son nosas praias, os nosos espazos públicos, contra os que estiveron a atentar nas últimas décadas obviando o respecto polo noso ámbito natural.

As praias son nosas e cando os intereses xerais non se defenden, é responsabilidade de todxs fiscalizar, mobilizar e responder ante a inxustiza. Cando pechan hermeticamente unha praia a base de instalar peiraos para o amarre dos iates das clases máis podentes... cando reducen a nosa capacidade de desfrute como veciñxs e bañistas invadindo a zona de baño... cando cravan estacas na area usurpando os nosos espazos... cando contaminan as nosas augas... cando nos reprimen para garantir a continuidade da obra... cando atentan contra a nosa integridade física e os nosos dereitos... cando silencian e afogan a dignidade do noso espazo natural... nos recordamos a nós mesmxs que os principios morais e o acervo están por enriba de todo, e que por moito que se esforcen en lavar a súa imaxe con mentiras, a privatización e o ánimo de lucro a toda costa carece de xustificación.

O Real Club Náutico de Sanxenxo está a demostrar non ter ningún reparo en saltarse a lei cunha forma de proceder totalmente clandestina e perigosa amparada nas complicidades políticas e o colegueo. Que a xente se decate dunha vez por todas de que a falta de escrúpulos de todos estes axentes do capitalismo neoliberal ao que renden obediencia os órganos de poder e a monarquía neste país inundan a nosa sociedade, someten o noso pobo e usurpan os nosos espazos verdes.

A sociedade civil ten todo o dereito e a forza que representamos e por iso habemos de continuar e apoiar a loita social e legal ata o final. Que esta unión non permita que os intereses privados prevalezan nunca contra o interese público.

Fóra Pantalans!!!!!!!!

Máis información sobre esta luita popular da veciñanza desta vila mariñeira no seu blogue http://sospanadeira.blogspot.com.es/

1 comentario: