31 mar 2014

Detidos do 22M en Madrid denuncian o trato inumano recebedo na comisaría

Colamos de Esculca:

D.C. e I. mozos galegos postos en liberdade (con cargos mais sen fianza nin medidas cautelares) despois a súa detención na Marcha da Dignidade celebrada o pasado sábado en Madrid, denunciaron o "pésimo trato" recibido nas horas seguintes ao seu apresamento e posterior traslado aos calabouzos de Moratalaz onde permaneceran case 48 horas.

D.C. lembra que minutos antes de concluír a hora fixada para o fin da mobilización, a policía comezou a cargar, sobre as 20.45 horas, e que pouco despois foi detido. "Estaba a manifestarme na rúa Xénova de forma pacífica. Entón veu un policía da secreta sen identificación, deitoume ao chan e púxome as alxemas", relatou, e asegurou a seguir que o único que lle dixeron é que se lle ía "a caer o pelo, simplemente por escapar deles".

Da súa permanencia no calabouzo, lembra o "trato pésimo" que lles deron tanto a el como ao resto de detidos.

"Foron dous días pésimos, a comida pésima, a luz estaba acendida, non podiamos durmir, tiñamos que mexar polos ocos da cela, porque non podiamos ir ao baño", relatou.

Manifestou ademais, que os axentes os calificaron de "independentistas extremistas", cousa que rexeitou.

Outro dos arrestados foi I., guitarrista galego do grupo Skandalo, que permaneceu case dous días nos calabozos xunto cunha muller (tamén galega) que o acompañaba.

"Andando xa fóra da manifestación, un grupo de policías secretas e antidisturbios tiráronnos ao chan e detivéronnos; tivéronnos media hora coa cara contra o furgón e nin me deixaban mirar para a miña compañeira nin poder relaxarnos un mínimo", denuncia nun texto que circula por varias redes sociais. O guitarrista de Skandalo denuncia que el, xunto a outros detidos, foron enviados a unha comisaría, onde estiveron "nove horas de pé, cos brazos ergueitos contra a parede mentres recibiamos berros e insultos".

"Logo leváronnos aos calabouzos, onde prendían e apagaban as luces aleatoriamente para que perdesemos a noción do tempo... Non nos deron nin un mísero vaso de auga en 35 horas e só nos deixaron ir mexar cada 12-13 horas", explica, tras denunciar tamén que os axentes "prendían o aire acondicionado" para que os detidos pasasen frío, mentres seguían a "insultalos e desprecialos".

"Tratáronnos coma se fosemos ratas", insiste o galego detido, que destaca que o grupo que formaron todos os arrestados impediu "que os ánimos caesen". Todos -menos un mozo de 21 anos (Miguel) que permanece en prisión preventiva acusado de intentar agredir un policía cun adoquín na cabeza- foron postos a disposición xudicial e posteriormente en liberdade con cargos a espera do xuízo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario