24 feb 2014

Volvendo okupar a Sala Iago

Tras da recente reokupación e posterior desaloxo do mítico cine compostelán "Sala Iago" quedan no aire, para os que participamos dalgunha forma no proceso, algúns interrogantes na tan imprescindible como subxectiva valoración do acontecido. Tendo en conta a escasa duración do proxecto e a mansa, aínda que non por iso insatisfactoria, resposta ao seu abrupto final, posiblemente varias cousas non remataron de saír como se esperaba, se é que acaso se esperaba algo de tan caótico batiburrillo.

Quizais a okupación da Sala Iago puido durar máis no tempo, formando un nexo común entre os movementos disidentes de Compostela e creando un espazo de autoxestión das loitas. Quizais tería podido converterse nun revulsivo social, nun catalizador do descontento galopante que se respira na sociedade. Quizais puido asumila toda a veciñanza como un espazo tan simbólico como práctico de emancipación social, e ser defendido , en consecuencia, con uñas e dentes contra a represión que, máis que rápida vertixinosa, se abalanzou para devorala. Quizais puido...

Pero quizais é precisamente por eses "quizais puido... " que o poder non perdeu un segundo en acalar do xeito máis rápido e categórico posible este berro libertario vociferado no medio dunha quebradiza paz social aguilloada por mil e un escándalos de corrupción. Porque foi un ponzoñoso furúnculo disidente saído no democrático cu das institucións compostelás precisamente cando máis lles doían as súas propias almorrás. Unha pequena flor de esperanza nacida entre as comisuras do seu gris asfalto. De aí a presteza en arrancala antes de que enraigue, para que non creza, para que non floreza, para que non de froito nin semente, para que non cunda o exemplo.

Pode que esperásemos máis asistencia de xente, que soñásemos con asembleas repletas como sucedera durante a primeira okupación. Quizais esta vez non foron tantos os veciños que entraron a rencontrarse coas suas nostalgias ou, simplemente, a ver se de verdade son tan malos estes rapaces que decidiron entrar pola forza na Sala Iago e convertela nun centro social autoxestionado. Tamén é verdade que durante aquela primeira okupación, hai xa máis de dous anos, estaba en auxe o 15M e aquilo de protestar e "asamblearse" aínda estaba de moda. Agora, non obstante, a protesta está en refluxo, e aínda que a xente ten os ovarios moito máis inchados que antes, non lle tocou a esta gota desbordar o vaso.

Pero si que serviu como dedo acusador contra un concello (e unha clase política en xeral) en descomposición, que como sempre mentiu para disfrazar a pura e dura especulación urbanística e a defensa da propiedade dos ricos e poderosos de intereses sociais e de utilidades públicas. Tamén serviu para recordar que en prol daqueles intereses aínda se debaten baixo a espada de Damocles da inxusta xustiza once procesado pola anterior okupación do inmoble, enfrontando elevadas penas de cárcere por unha nauseabunda montaxe político-mediático-policial sen pés nin cabeza. Tamén serviu, e isto quizais é o máis importante de todo, para fortalecer os lazos políticos e afectivos entre unha variada horda de disidentes e rebeldes que fixeron da Sala Iago o seu cubil desobediente e herético. Tecendo amizades e conspiracións á par que engraxaban a maquinaria que un día destes tirará abaixo, dunha vez por todas, este sistema caduco e putrefacto que nos venden envolto en seda cor de rosa pero que nos fan tragar forrado de papel de lixa.


A Pantasma da Opera

3 comentarios:

  1. Como persoa que pasou pola okupación quero aportar o meu punto de vista ,por se cunde ou xenera debate. Primeiramente ao meu ver a okupación da Iago foi e é algo mais mediático que real. Explícome, para os medios e para a poboación, é puro espectáculo. Algo do que falar un, dous días e xa está.

    Por outra banda a falta de implicación da xente compostelana ven dada (ao meu ver) por dous motivos, un xa non é novidade, e dous a xente gústalle que se ocupe, se de caña, incluso que perdure no tempo, mas a que ostias vou a unha asamblea, a que?. Se a queren “xestionar” que a xestionen, xa irei se hai algunha actividade que me cunda ou se quero organizar algo. Polo tanto perdería o filón mediático da primeira okupación e o da chispa da revolta.... As últimas revoltas nos deixan ver que a crispación é existente, mas veñen dadas ou ben por as chamadas “inxustizas” intragables (Gamonal co bulebar, brasil co mundial...), medioambientais etc. As respostas a situción existente non empregan un medio (Okupación neste caso), saen a rúa e pista (Disturbios de Melilla). O de defender a uñas e dentes, a xente compostelana sabe que é unha cidade que se enchiu de madeiros para estos casos, e xa están cansadas de recibir ostias e multas, cando non se palpa nada, moita xente quedou cansada de ir de cabeza o pozo, quizais falta análise e extratexia.


    O que si vexo que se cumpliu foi o de servir como un nexo común entre os movementos disidentes de Compostela e creando un espazo de autoxestión das loitas que serviu e serve para que sexa a chispa nos disidentes de traballar mais aló do guetto, e con xente que protesta, incentivando a solidaridade e servindo para señalar o culpable xeral dos problemas e non o parcial de cada loita. Ahí si que se cumpriu o seu papel, mas este é un traballo a “longo” prazo para os disidentes composteláns, acudir as protestas, aportar ideas, unir lazos entre as diferentes loitas, que convertan a protesta parcial en revolta xeral.

    Espero que non ofedendera a ningunha, serva como debate e o fundamental que se extendan iniciativas como estas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. eu tamen estiven. ambas análises parecenme realistas e alentadoras. Mais eu non sei o que quiere a xente, o que busca e non busca, non son un político nin todo o mundo pensa igual. Deixemos de tratar e/ou analizar á xente como masa uniforme. Hai que conectar pero esa obsesión con salir do ghetto as veces fai que xs antiautoritarias perdamos o norte. Non todo é dunha cor e para construir hai que destruir

      Eliminar
  2. Welcome to the faboulous ghetto

    ResponderEliminar