4 dic 2013

Preparando o terreo

É absolutamente insufrible o bombardeo mediático ao que estamos sometidos pola excarceración de presxs tras da derrogación da "doutrina Parot". Non hai día en que, baixo o máis nauseabundo ton sensibleiro, non nos machuquen co sufrimento das "vítimas" (que polo visto sofren terriblemente con calquera cousa que non sexa o eterno malestar dos convictos: se saen á rúa, sofren; se rin, sofren; se respiran, sofren; se non sofren, sofren) como non hai día no que non nos martiricen a retina con imaxes de excarceracións de malos malísimos que "apenas pisaron o cárcere" (entre 20 e 25 anos de media nada máis e nada menos) e contra os que se alían en santa conxura as máis rancias dereitas fascistonas coas progresistas esquerdas benpensantes. Dende a AVT, o Partido Popular ou Democracia Nacional ata o PSOE e as asociacións feministas alarmadas pola segura reincidencia dos agresores sexuais.

Calquera diría que en España xs presxs entran por unha porta e saen pola outra. Xa ninguén se acorda que a doutrina Parot só afecta ás condenas anteriores ao vixente código penal, que Europa só sancionou a retroactividade das penas pero que agora mesmo alguén podería ser condenado a 30 anos (40 se é terrorista) e cumprilos a pulso ata o último día sen que nin sequera a Unión Europea poida dicir nada. Pero para que aclarar todo isto cando podemos contribuír con gasolina sobre o lume do linchamento mediático? Por que tranquilizar os ánimos cando se pode alentar a orxía da represión?

Que máis dá que España sexa o lugar de Europa onde máis anos efectivos de cárcere se cumpren (despois de Rusia) cunha das menores taxas de criminalidade, se podemos exaltar os ánimos para que, nesta euforia represiva, sexa o propio pobo que pida a gritos que lle amputen a liberdade e que o carguen de cadeas.

Porque ese é o fin de todo este circo, a aprobación da cadea perpetua e do endurecemento penal co aplauso imbécil do populacho como banda sonora de tan lamentable sainete. En ningún país europeo con cadea perpetua cumpren tanto tempo de condena xs presxs como aquí sen ela. Pero o rebuzno lobotomizante duns mass media ao servizo do rancio nacionalismo filofascista español fan crer o imbécil de a pé que aquí o que fai falta é máis man dura.

Así nos vai, o progresismo de turno pedindo cárcere para os banqueiros, cárcere para os do Prestige, cárcere para os políticos... pero cárcere ao fin e ao cabo. E cárcere vanlles dar, evidentemente non para estes malnacidos que acabamos de nomear, para eses só hai indultos e penas baixiñas das que non hai que cumprir, pero cárcere, o que se di cárcere, vai haber para repartir. Para repartir entre xs pobres, xs "violentxs", xs delincuentes de baixa estofa (que os ricos non admiten competencia) e entre xs disidentes e protestons. A eses dentro de non moito o cárcere vailles saír polas orellas.

Pero para preparar esa nova amputación de liberdades e dereitos fai falta a anestesia, e desa é da que estamos a chupar en dose elefantiásicas a través do xornal escrito, o telexornal, as tertulias de criterio unificado e a prensa do corazón. Diso é precisamente do que vai tanta pantomima coa falta de arrepentimento do comando Madrid, a arrogancia do violador do chándal ou as reiteradas e teimudas reposicións dos enterros das nenas de Alcaser. Para cando á xente se lle pase a borracheira da exaltación da firmeza punitiva, atoparémonos vivindo no paraíso europeo da represión e da falta de dereitos humanos.

C.R.

1 comentario:

  1. Concordo e ainda mais aponto que, de todas essas críticas exacerbadas recolhidas nos falsimedios, desse medo a que saiam do cárcere gente que se passou dentre 20 e 25 anos entre reixas, qualquer conclussom feita dum jeito minimamente objectivo sobre as palavras de todos esses tertulianos de muito e comentaristas de dar-lhe a lábia, só podese tirar que os cárceres nom servem para o que, hipocritamente, dim que valem, pois nem reeducam nem reinsertam.

    A única fim dos cárceres é a que nom dim claramente: Está só pensada para castigar e reprimir, para meter medo social e disuadir a quem pense em buscar-se a vida cometendo actos contrários ás leis feitas para defender aos ricos e também (e ao mesmo tempo) para castigar e fazer calar aos oponentes políticos, especialmente aos que os mass merda chamam anti-sistema.

    ResponderEliminar