13 oct 2013

Charla de Octavio Alberola no C.S.O. Palavea:"Resistencia armada libertaria ao franquismo"

O vindeiro martes 15 de Outubro, ás 19:00h, o histórico militante anarquista Octavio Alberola obsequiaranos cunha charla sobre a resistencia armada ao franquismo así como sobre as actividades subversivas en Europa nas décadas dos 60 e 70. Será na okupa coruñesa C.S.O. Palavea, Rúa Río Quintas nº31 (na N-550 xunto a dicoteca OH Coruña), a que podedes chegar nos autobuses 1A, 20 e 22.

A charla comezará cunha breve descrición do período que vai do triunfo das forzas franquistas ata o final do ano 1960, ano no que morre Francisco Sabaté, "o Quico". A morte de Sabaté, para moitxs un símbolo da resistencia ibérica, xunto con outros exemplos como Massana, Facerias ou Caraquemada, marcou o final dunha era de introspección para iniciar a loita coordinada internacionalmente contra o imperialismo e todas as súas manifestacións.

A exposición centrarase nos feitos acontecidos a partir do ano 1961, ano en que o anarquismo español, despois dunha longa etapa de división interna, consuma oficialmente a súa reunificación, e en que, por primeira vez, no exilio se aproba o recurso da acción violenta na loita contra a ditadura franquista. Tras a reunificación constitúese o organismo conspirativo "Defensa Interior", formado por acordo da CNT, a FAI e a FIJL. Pero pronto se viu que a vontade de entrar nunha dinámica de acción directa contra a ditadura franquista quedaba en papel mollado polos numerosos obstáculos que se poñen dende as direccións da CNT e da FAI á súa actuación. As Xuventudes Libertarias, néganse a renunciar á estratexia de activismo revolucionario e do seu seo e co apoio dalgúns militantes experimentados nace o Grupo Primeiro de Maio. O activismo anarquista contra a ditadura nos anos sesenta e setenta influíu e foi influído por outros grupos revolucionarios que xorden en todo occidente, axudando a ser altofalante da existencia da Ditadura franquista e as súas alianzas coas democracias occidentais.

Octavio Alberola, testemuña de excepción en todos estes feitos, compartirá connosco tan revolucionaria experiencia vital.

Aproveitamos para anticipar a vindeira charla de Miguel Amorós na mesma okupa o 31 de Outubro.
Blog do C.S.O. Palavea -AQUÍ.

1 comentario: