21 jun 2013

Parque ofimático: exprópiante e aínda ti debes cartos (A Coruña)

Antes de deixar aquí tres videos que dan voz aos afectad@s, daremos nós unha pequena aclaración que os explique e poña en contexto:

De como veciñ@s expropiados non só van perder as súas casas e terreos, se non que quedan endebedados de por vida co concello.
Semella raro? pois é exactamente nesa kafkiana situación na que se atopan as familias afectadas polo "Parque Ofimático" da Coruña que se negaron a vender as súas casas: con débedas de centos de miles de euros polos gastos de urbanización duns terreos que non pediron, que neste momento non teñen ningún valor, e a piques de que os boten das súas casas. Agora piden axuda a STOP DESAFIUZAMENTOS (e á cidadanía en xeral) para evitar que a "xustiza" proceda a desaloxalos das súas vivendas e ver como as súas casas e terreos se converten en pasto das escavadoras. O que nalgún caso podería producirse de xeito practicamente inminente.

Como se chegou a este desproposito? Pois todo comezou hai xa moitos anos, durante a era Fraga, cando a Xunta decide montar un polígono de oficinas e empresas de servizo. Hai agora vinte anos comezaron as expropiacións, Don Manuel e Sir Paco irmandados polo ladrillo.

Na segunda metade dos noventa o plan urbanístico cambia, e o uso do chan pasa de oficinas a vivendas. Xa no novo século, expoleados polos derradeiros extertores dos tempos do pelotazo urbanístico, bandadas de voitres formadas por inmobiliarias e construtoras lánzanse sobre o terreo cual suculento cadáver de vila en descomposición.

Aqueles que se negan a vender (e que xa antes se negaron a ser expropiados) os convirten á forza en promotores inmobiliaraios: permútanlles os seus terreos por outros non afectados polas obras, e as exiguas indemnizacións que lles conceden nin sequera as chegan a ver, pois son fagocitadas polos gastos de urbanización do terreo (que lles impoñen coma se fosen promotores inmobiliarios) que, moi superiores ás compensacións que lles concederan (en xeral roldan os 80.000 euros), os deixan con débedas de entre 120.000 e 300.000 euros, segundo a familia afectada e as propiedades que tiñan. Os terreos que lles deron a cambio das súas casas, no contexto actual de crise, non teñen ningún valor económico (nin aínda que poidesen construir inmensos edificios neles, cosa que evidentemente non poden facer), sen embargo lles xeran unha débeda impagable que ningún deles pode afrontar.

No contexto actual de crise deixou de ser rendible a edificación do polígono, e só algunha cooperativa de vivenda continúa interesada na súa edificación. Malia todo, as escavadoras ameazan os escasos redutos semirrurais que resisten a presión, e as casas que con suor e esforzo levantaron as familias afectadas desapareceran sen outra compensación que, aínda por riba, unha débeda millonaria.

Os propietarios piden algo tan xusto e sinxelo como "chave por chave", que lles dean outra vivenda a cambio das que lles van quitar, e, por suposto, que desapareza a débeda que sen comelo nin bebelo lles pretenden impoñer. A solución do concello é ofrecerlles vivendas de aluguer social durante un par de anos, ousexa, a cambio dunha casa en propiedade (con terreos incluídos) un piso en aluguer por uns poucos anos.

Xa se iniciou o calendario de mobilizacións, que evidentemente van ir a máis segundo se acheguen os desafiuzamentos. Por agora manifestacións e concentracións todos os venres na pasarela de Alfonso Molina, nas que xa se produciron problemas coa policía con forcexos, identificacións e promesas de sancións que aínda non chegaron.

Pero pronto empezarán os intentos de desafiuzamento, e neses momentos @s veciñ@s necesitarán da solidariedade e a forza do pobo de Coruña para impedir semellante inxustiza. Agora sabemos que podemos e o imos parar. Porque:
NESTA CIDADE NON SE DESAHUCIA!!!!



Os videos os difundiron dende o entornon de STOP DESAFIUZAMENTOS, o artigo é de elaboración propia con información recollida de aquí e de aló.

Blog de STOP DESHAUCIOS A Coruña (máis ben pouco actualizado) -Aquí. Pero no seu Faceboock tedes máis información -Aquí.


C.R.


No hay comentarios:

Publicar un comentario