8 jun 2013

600 euros de multa por isto:


Pois si, así mesmiño, multa de 600 euros por "jalear aos manifestantes a romper o cordón policial, mesmo subíndose ao camión dos bombeiros, conseguíndoo e impedindo, polo tanto, a execución da actuación judicial". Así se expresou a subdelegación do goberno da Coruña en relación a unha das multas coas que estes días estan a obsequiar a algúns dos activistas que impediron o desafiuzamento de Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro na cidade herculina (crónica daqueles feitos neste blog AQUÍ).

Se hai uns días os medios de comunicación empresariais xa recollían a noticia, filtrada dende instancias gobernativas, aínda que poñendo o interesado acento sobre os políticos e sobre o bombeiro sancionado, agora é cando nos decatamos das moito máis anónimas multas dos activistas de a pé. Deste xeito xa temos noticas de dous sancionados máis, un de Stop Desafiuzamentos e o outro militante anarquista, a sumarse aos dous políticos do BNG, o de Izquierda Unida, un destacado membro da CIG e máis o bombeiro que se negou a cortar a cadea (sobre a noticia en prensa das multas AQUÍ). Facendo caso das informacións filtradas pola subdelegación aos medios de comunicación só resta outra multa por chegar, ás que habería que sumar o que lles poida caer as persoas que atrancaron a porta, que, ao parecer, terán a súa propia ración de código penal para eles sós.

Semella que as sancións non teñen nada de aleatorio, pois calquera diría que escolleron selectos representantes dos alí concentrados para facer un escarmento público. Será un do 15M o que resta por multar? Así poderán dicir que repartiron os mandoblazos da espada da xustiza con democrática pluralidade.

Volvendo á multa que agora nos ocupa, a ocasionada por berrar subido ao parachoques dun camión de bombeiros, polo visto responde a "a provocación de reaccións no público que alteren ou poidan alterar a seguridade cidadá" (Artigo 23 h da lei orgánica 1/1992 sobre protección da seguridade cidadá). O cal, ao parecer, constitúe unha falta grave sancionada entre 300,52 e 6010,12 euros que, dende a subdelegación do goberno, tiveron a ben en valorar en nada máis e nada menos que 600 eurazos.

C.R.

1 comentario:

  1. "Provocaçom de reacçons no público" (??)

    E quem era o público?? Nessa concentraçom solidária nom havia público nengum, todas eram participantes do protesto. O nosso compa, por tanto, nom podia provocar (incitar a alguém para que peleje ou berre), dado que todas as presentes estavam já de "per se" "auto-incitadas" (nom sei se existe este palavro).

    Assim a linguagem judicial é asombrosa (e anacrónica), podem converter as (voluntárias) participantes dumha manifestaçom (ou concentraçom) solidária e de repulsa, num rebanho de submisos/as que aguardam vozes que as alvorotem. Demonstrando assim que os poderes legislativos e judiciais e os partidos que lhe dam substento e aprovaçom (de todo o arco parlamentar, incluindo algum dos sançonados), consideram assim ao povo (assim se entendem os carretagens de votantes nas eleiçons ou de participantes nas suas manifestaçons ).

    Sançonam assim ao compa por berrar mais forte que o resto, ou por ter-se subido ao parachoques do camiom dos bombeiros (que, lembremos, nom se precisava como tal, pois nom havia lume que apagar nem nengum gato encaramado a um telhado que baixar, só estava lá como veículo de transporte dos bombeiros que tinham que forçar as cadeas que fechavam o aceso ao portal de Aurélia e mesmo rachar a machetas a porta da sua morada), ou seria por ser mais alto que muitas das participantes??.

    Curisosa esta justiça que penaliza com sançons económicas a alguns dos participantes num protesto (a quem considera líderes ou chefes) e qualifica ao resto como simples monicreques que aguardam as vozes de ordem dos "líderes" para berrar ou luitar (e polo tanto nom som susceptíveis de sançom porque só reacçonam alteradxs quando som "provocados" por estes "líderes").

    Nom sei, mas igual era boa medida solicitar sinaturas a quem estivera presente nessa concentraçom declarando conforme que o único motivo para estar alteradas nom foram os ánimos de ninguém incoando a berrar senom a atuaçom da polícia e dos políticos responsaveis do concelho (denunciar-lhes a eles por provocadores já ia ser muito, pero a realidade é essa, é a brutalidade policial a que provoca reacçons de raiba entre a gente que acode a qualquer protesto; pena de nom crêr na justiza, porque até molava denunciar a polícia por esse motivo )

    ResponderEliminar