24 abr 2013

Máis proxectos de minería metálica por empresas canadianas: Agora nas Reservas da Biosfera Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño

Recollemos e reproducimos esta información da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) :

A Consellería de Economía e Facenda outorgou á empresa Goldquest Ibérica, S.L. (1) o permiso de investigación mineira denominado Lago (expediente 6053) para recursos da sección C (cinc, chumbo, prata, cobre e outros) no término municipal de Becerreá (Lugo) para unha superficie de 68 cuadrículas mineras (ver en PDF). O permiso de investigación fora inicialmente solicitado pola empresa Lundin Mining Exploration, S.L., tamén canadiana (ver en PDF).

Ademais de incluír unha importante superficie do LIC Serra de Foncuberta, contemplado na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia actualmente en tramitación, as cuadrículas mineiras abarcadas polo permiso de investigación sitúanse case íntegramente en dous Reservas da Biosfera:

R.B. Río Eo-Oscos-Burón, con posibles afeccións directas sobre diversas zonas tampón e indirectas sobre a zona núcleo da cabeceira do río Eo, da que se situaría a escasa distancia. Unha afección á cabeceira do Eo podería ter consecuencias río abaixo, en zonas tampón da canle fluvial e tamén na desembocadura na Ría do Eo, que é zona núcleo da Reserva, LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional pola Convención de Ramsar.

R.B. Terras do Miño, con posibles afeccións directas a unha gran superficie na bacía alta do río Miño declarada como zona tampón para protexer as cabeceiras da multitude de ríos e regatos que drenan este territorio.

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar ao Comité Español das Reservas da Biosfera (ver en PDF):

Que realice de forma urxente e inmediata unha avaliación científica e obxectiva sobre o impacto deste permiso de investigación e a posible explotación mineira futura sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexida no ámbito da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

Que os informes que se desprendan do mesmo se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

O xornal El País faise eco desta noticia e destaca a cantidade de especies protexidas, tanto vexetais como animais, na zona sobre a que se farían as exploracións da empresa mineira, ou sexa as montañas das que beben tanto o río Eo como o Miño e a suas tupidas redes de afluentes. Asín a reserva do Eo segue o curso do río e chega ata a súa desembocadura protexida. Entre o conxunto da flora presente, no caso, por exemplo, da Reserva Eo-Oscos-Terras de Burón constatouse a presenza de 97 familias e máis de 500 especies, nas que se inclúen taxóns protexidos como a Woodwardia radicans, o Narcissus asturiensis e a Zostera mariña. Entre as aves, cando se elaborou a memoria para a declaración da reserva rexistráronse 219 taxóns agrupados en 54 familias. Como especies invernantes destacan o colimbo grande (Gabia immer) ou o correlimos común (Calidris alpina). Nos bosques do interior habita o bufo real (Bubo bubo).

Ademais, esa mesma memoria recolle unha importante poboación de londra paleártica (Lutra lutra) e a presenza de desmán ibérico (Galemys pirenaicus), unha especie considerada en situación precaria. Abundan, tamén, as xenetas, os gatos monteses e os raposos, e rexistrouse, ultimamente con máis frecuencia, a presenza de osos pardos. A enumeración que fai a reserva, inclúe, ademais, abundantes variedades de moluscos recollidos na Directiva Hábitats, anfibios e réptiles, e cóntanse tamén faiais atlánticos, carballeiras e bosques de castiñeiros, sobreiras e acivros.

(1) segundo informa Galicia Confidencial: Goldquest Ibérica, SL, é unha filial do grupo Goldquest, outra firma canadiana con intereses mineiros nos estados español e portugués. Esta zona xa fora motivo de sondaxes en 1985 por Exploraciones Mineras del Cantábrico S.L. (actual Asturgold).

No hay comentarios:

Publicar un comentario