25 feb 2013

"Acordo amigábel e confidencial" entre Aurelia e a familia Pereira

Recollemos de SermosGaliza ao respeito da comparecencia da plataforma Stop-desafiuzamentos de A Corunha nesta mesma mañá do luns 25 de febreiro perante o portal de Aurelia nunha roda de imprensa na rua:

Foi o avogado da anciá quen se presentou perante a imprensa. Cualificou o acordo coa familia Pereira de "acordo amigábel e confidencial". "Non vai haber despexo forzoso". Aurelia Rey non será desafiuzada, após un "acordo amigábel e confidencial" cuxos detalles son privados. Porén a familia Pereira terá que indemnizar Aurelia con 5 mil euros e, pola súa banda, a octoxenaria terá de prazo até o 1 de maio para abandonar a vivenda en que morou os últimos 34 anos.

"Chegouse a unha solución pactada cuxos termos preferimos manter na confidencialidade mais que paraliza unha sentencia firme en proceso de execución, o que supón un fito moi importante na loita contra unha lei inxusta", subliñou o avogado, quen enfatizou, así mesmo, que é esta a primeira vez en que se logra paralizar a execución xudicial dun desafiuzamento forzoso cunha sentenza firme de por medio e após dúas tentativas de lanzamento.

"Trátase dunha saída que non é a perfecta, pero que logra por vez primeira evitar un desaloxo forzoso. Agora faremos un seguimentos para ver se hai axuda por parte do concello", acrecentou o letrado de Aurelia namentres ela "descansa logo duns días moi tensos".

Stop-desafiuzamentos cualifica de "fito" a paralización do despexo

Perante os medios compareceu tamén un dos integrantes de Stop-desafiuzamentos quen, moi emocionado, agradeceu a "veciñanza, comerciantes, medios, bombeiros e activistas que fixeron isto posíbel". Entre bágoas, remarcou que "seguiremos na loita para non permitir nin un abuso máis". A súa rápida intervención rematou con berros de 'Si se pode'.

Malia non debullaren os termos do acordo asinado entre inquilina e propietaria, este non incluiría unha vivenda. Con todo, Stop-desafiuzamentos anunciou a súa intención de solicitar para a coruñesa unha vivenda social por parte do Concello, e fixérono inmediatamente. Tan pronto concluíu a rolda de imprensa na que comunicaron a fin da súa mobilización diante da casa de Aurelia, transladaron esta cara ás dependencias municipais da concellaría de Servizos Sociais.

Unhas 30 persoas lograron entrar na concellaría antes de seren informadas de que o seu titular, Miguel Lorenzo, non podería recibil@s hoxe, polo que decidiron ficar no interior até seren ouvidas as súas reclamacións, quer polo director técnico de Servizos sociais quer polo concelleiro, ou até que o Concello non estableza "unha data en firme" para unha reunión entre a concellaría e dúas persoas representantes de Stop-desafiuzamentos.

Por volta dunha ducia de axentes da policía local bloquearon a entrada ao Concello e tratan de desaloxar @s activistas. Ao lles preguntar polos termos do acordo alcanzado coa familia Pereira, membr@s da plataforma cidadá recalcaron que, malia non seren públicos os detalles, "se estamos aquí é porque Aurelia necesita axuda".

No hay comentarios:

Publicar un comentario