21 mar 2012

O goberno quere endurecer os delitos de desobediencia e resistencia á autoridade

Os ministerios de Interior e de Xustiza anuncian a súa intención de endurecer os delitos de resistencia e de desobediencia á autoridade como método "disuasorio" dos incidentes nas rúas. Así o anunciou o ministro do interior na súa última comparecencia ante a comisión do senado do seu departamento, facendo referencia ás recentes protestas de estudantes en Valencia para xustificar a súa decisión. Nun alarde de demagoxia sen parangón, o ministro referiuse ás "vexacións e insultos" proferidas por "manifestantes violentos" (agora o insultar convérteo a un en violento?) para explicar as motivacións do endurecemento penal. Ou sexa, que se un antidisturbios te rebenta a cabeza, iso non é violencia, pero se ti despois lle recriminas ou insultas entón ti si que es violento e mereces sancións aínda máis duras que as actuais (de seis meses a un ano por resistencia ou desobediencia grave ás forzas da orde hoxe en día).
Pero as declaracións deste suxeito alcanzaron o grao do esperpéntico ao asegurar que o actual sistema penal español é "moi garantista", cando este é o país da unión europea con máis poboación encarcerada por habitante e cun dos códigos penais máis duros do continente (máis información ao respecto neste mesmo blog aquí).
Pero a verdade é que esta noticia non é en absoluto sorprendente, os tempos de maior conflitividade social que sen dúbida se aveciñan exixen un aumento na escalada represiva por parte do poder. A democracia, como xa demostrou en innumerables ocasións, só é "branda" e "tolerante" cando o fluxo de capitais non ten apenas oposición, nunca tivo reparos en endurecerse ata o extremo da ditadura cando o "status quo" se ve ameazado.
É por todo isto que en EEUU, berce da democracia e líder indiscutible de "occidente", recentemente aprobaron unha nova lei, denominada HR 347, que prevé duras penas de cárcere polo simple feito de participar en protestas ou manifestacións. Así, quen entre ou permaneza en calquera edificio ou terreo sen a autorización do goberno podería enfrontarse ata a dez anos entre reixas. Mesmo porque outra persoa denuncie que alguén ten intención de protestar pode rematar un no cárcere. Tamén polo feito de que o servizo secreto se encontre nun lugar poderían xa arrestar a todos os que protesten na zona.
Con estas medidas a administración supostamente progresista de Obama pretende enfrontar a máis que previsible escalada de protestas do "inimigo interno" que, polo de agora, toma corpo no movemento "occupy" que, relativamente similar aos máis autóctonos indignados (aínda que quizais non tan figureiros en canto ao sempiterno temita da "violencia") se estenden por todo o territorio norteamericano.

C. Ribas

Elaborado con información da prensa comercial.
En canto ao tema da lei HR347 de estados unidos podedes informarvos mellor aquí en RT ou aquí en Rebelión.



1 comentario:

  1. Deixo info ao respecto en Kaosenlared xente:

    http://www.kaosenlared.net/territorios/t2/estadoespanol/item/12062-el-gobierno-se-prepara-para-endurecer-el-delito-de-desobediencia.html

    Saudiña

    ResponderEliminar